O grupo de Memoria Histórica en Bruxelas continuará traballando “pola devolución” de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás

O grupo de Memoria Histórica no Parlamento europeo comprometeuse a continuar na próxima lexislatura co seu traballo para lograr “a devolución” ao patrimonio público do Pazo de Meirás, propiedade na actualidade dos herdeiros do ditador Francisco Franco. Así o ha trasaldado este mércores, segundo recolle un comunicado, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, quen sinalou que “a recuperación do pazo de Meirás é un tema que estará vivo na seguinte lexislatura”.

Na reunión mantida este mércores, o grupo de Memoria Histórica expresou o seu apoio ao historiador Carlos Babío -denunciado pola familia Franco- e ao colectivo ‘Os 19 de Meirás’, composto por militantes do BNG que se enfrontan a penas de ata catro anos de cárcere por unha acción na que tomaron “simbólicamente” o Pazo de Meirás.

“Pomos en evidencia unha anomalía democrática, como é que unha familia goce dunha propiedade ilegalmente, roubada polo ditador amparándose no poder que tiña durante os anos da guerra, e avalada pola propia monarquía”, resaltou o candidato do BNG nas xerais pola Coruña Néstor Rego, un dos membros de ‘Os 19 de Meirás’.

Carlos Babío tamén interveu na sesión do grupo, onde resaltou que o Pazo de Meirás está en mans dos herdeiros de Franco por ser “expoliado” aos galegos, o que constitúe “unha anomalía democrática”.

Xuntanza en Sevilla

O grupo reuniuse en Sevilla no marco do seu percorrido por lugares “paradigmáticos da represión franquista”. Na cidade hispalense, os asistentes ao encontro visitaron o cemiterio de San Fernando, onde descansan en fosas os restos de vítimas do franquismo, e a Basílica da Macarena, na que está enterrado o militar Queipo de Llano.

“Lamentablemente, a impunidade do franquismo con Queipo de Llano, enterrado con todas as honras, é similar ao que padecemos en Galicia coa familia Franco a respecto do Pazo de Meirás, unha das propiedades incautadas polo ditador que segue en mans da súa familia”, subliñou Ana Miranda.