O goberno español só gastará 200 000 euros este ano na liña Betanzos-Ferrol

Campaña polo tren de cercanías

O Ministerio de Fomento asegura que destinará 200 000 euros este ano para un estudo sobre o by-pass en Infesta. Contrasta esta escuálida cifra co plan de investimentos ferroviarios de 1436 millóns de euros que o ministro presentaba hai uns días en Valencia, cunhas cifras de inversión no tren galego a bastante distancia das previstas para outras comunidades.

O goberno Rajoy contratará un estudo valorando as opcións para executar o by-pass, cunha liña en paralelo ao polígono de Piadela ou un túnel en Cortiñán como opcións para evitar a entrada dos convois en Betanzos-Infesta e permitir o tránsito directo cara Betanzos-CIdade e Ferrol. Os 200 000 euros asignados son menos do 1 % do custo previsto da obra, na súa versión máis barata, apenas o 0,4 % se finalmente o by-pass implica a construción dun túnel en Bergondo. Unhas cifras de investimento que, en todo caso, farán que a liña siga sen ser competitiva e non cumpra co seu papel de transporte metropolitano de proximidade na conurbación do golfo Ártabro.

As denuncias polo estado obsoleto do trazado teñen motivado múltiples mobilizacións nos últimos anos, a última hai apenas unhas semanas convocada pola Platarforma en defensa do tren na Coruña e nas Mariñas, da que forman parte organizacións como BNG e as mareas locais. A demanda ten chegado numerosas veces aos plenos da comarca en orma de mocións reclamando investimentos para esta liña.