O Foro Turismo Covid19 propón a profesionalización, a xestión de fluxos e a seguridade como algunhas das claves de revitalización do sector

O vicepresidente da Deputación e deputado de plans provinciais e turismo, Xosé Regueira (BNG)

Máis de medio cento de especialistas participaron nas dez sesións de debate do Foro Turismo Covid19 organizado pola área de Turismo da Deputación da Coruña que chegou este xoves ao seu fin cun avance de conclusións para reactivar o sector. A profesionalización, a xestión de fluxos e a comunicación de destinos seguros son algunhas das claves para a recuperación despois da crise provocada pola pandemia.

“A profesionalización é necesaria para madurarmos como destino e está a ser un dos elementos principais da folla de ruta post Covid19 para o sector turístico”, sinalou o vicepresidente e deputado de Turismo Xosé Regueira, na sesión de conclusións do Foro Turismo Covid 19 que rematou este xoves coa intervención ademais do profesor de Turismo da UDC, Carlos Rodríguez, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Juan A. Rivadulla, a xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, a presidenta da Asociación de Profesionais de Turismo de Galiza (PROTURGA), a técnica de turismo do concello de Dumbría, Ada González e a responsable da axencia de marketing turístico “Culturoskopio” e de turismo activo, “Volta Montana”, Cristina Collazo xunto co profesional da comunicación e do turismo, Pepe Formoso que foi o moderador,

“Xestionar os fluxos turísticos e deseñar unha estratexia sólida son pasos imprescindíbeis para que o sector sexa rendíbel e non se converta nun problema en lugares concretos e, por iso, a creación do observatorio é de especial importancia para analizar os datos e o perfil ao que nos queremos dirixir”, sinalou Xosé Regueira na súa intervención.

Insistiu o deputado de Turismo na necesidade de “rescatar” un sector que está a padecer como poucos os efectos da crise do coronavirus e defendeu a implicación das administracións para comprometerse coa súa reactivación. “O sector necesita inxección económica e apoio porque precisamos a súa recuperación polo importante peso que ten no desenvolvemento económico”, defendeu, ao tempo que urxiu ao sector a tomar iniciativas e decisións.

Máis de cincuenta especialistas participaron no Foro Turismo Covid 19 que avanzou as principais liñas para o futuro do sector despois da pandemia entre as que, ademais da profesionalización, se atopan a comunicación de destinos de calidade e seguros e con garantía para atraer visitantes nun horizonte en que a competencia se producirá entre territorios de proximidade.

Colaboración público-privado

Neste sentido, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez, expuxo, entre outras iniciativas, ao fortalecemento do sector, animar o turismo familiar e de cercanía, xerar produtos orixinais e creativos e alentar de maneira especial a galegos e galegas a visitar o propio territorio. Ademais, defendeu a necesidade de facer un esforzo de comunicación especial para transmitir a seguridade dos destinos nunha aposta pola sostenibilidade do territorio con control de capacidade e fluxos para o que se precisará unha maior participación dos profesionais do sector.

Pola súa parte, o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), Juan Rivadulla avogou por recuperar o antes posíbel a confianza de turistas, implimentando as medidas de seguridade sanitaria de maneira rigorosa. O traballo conxunto dos participantes na cadea de valor do sector buscando a excelencia profesional e as garantías para convencer o turismo son algunhas das premisas que defendeu Rivadulla. Nesa idea afondou a presidenta de PROTURGA, Fátima Cachafeiro e a técnica do concello de Dumbría, Ada González que defenderon a cooperación entre o público e a privada e a participación conxunta na toma de decisións e accións dos destinos insistindo de maneira especial na necesidade da profesionalización do sector. Do mesmo xeito, a xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud apostou pola colaboración publico-privado e pola posta en valor do talento interno do propio sector.

“O turismo non se vai deter e, nese sentido, Galiza é un dos destinos que están na mirada de moitas persoas polo que é imprescindíbel comunicar seguridade e calidade en base á veracidade e controlar os fluxos ademais de defender a profesionalidade en todos os ámbitos”, apuntou a técnica en márketing turístico, Cristina Collazo, antes de que Pepe Formoso pechara o quenda de intervencións defendendo a profesionalización e a calidade do sector.