O Estado interpón demanda para a devolución de Meirás por venta simulada

Ocupación simbolica de Meirás reclamando a súa devolución

A Avogacía do Estado presentou nos Xulgados da Coruña unha demanda para exixir á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás á titularidade pública. Segundo informa El País, o Estado basea a súa demanda no feito probado documentalmente de que os sucesores de Emilia Pazo Bazán venderon este inmoble dúas veces.

Isto fai entrever que unha das transaccións non pode ser auténtica, como xa probaran Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo en Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio.  Habería, pois, dous documentos da venta das torres sadenses ao dictador: un documento de 1938, asinado ante notario no despacho do gobernador civil daquela, e o contrato de venda de Meirás a Franco tres anos despois.

Este último, queradía probado que foi “fraudulento” porque xa era residencia do xefe do Estado con anterioridade, como proban numerosos testemuños de hemeroteca, gráficos e mesmo das obras realizadas no predio. É dicir, que cando se procedeu a esa venda “oficial” de Meirás a Franco este levaba tres anos sendo usado polo ditador e había diferentes obras de mellora e reparación nel.

Este contrato de 1941 serviu para crear ” artificiosamente a aparencia de que Francisco Franco adquiría ese mesmo inmoble por un prezo de 85 000 pesetas”. “É evidente que nos atopamos ante un negocio sen causa (negocio simulado), dado que o inmoble obxecto deste contrato de compravenda fora xa vendido anos antes” e “entregado ao Xefe do Estado” nun acto oficial en decembro do 38, defende a demanda construída pola Avogacía do Estado para o Goberno.

A demanda segue os argumentos do informe da Deputación

Ferreira e Sanmartín no momento de presentar o informe sobre a recuperación de Meirás

Un informe xurídico elaborado por encargo da Deputación da Coruña en febreiro de 2018 xa concluíu que a transmisión do pazo de Meirás á familia Franco fíxose mediante un contrato simulado. Segundo recolleu entón o coordinador do estudo, Xabier Ferreira, a doazón do pazo concretouse no ano 38, no ano 40 aprobouse a lei do patrimonio nacional e no 41 formalizouse “unha compravenda ficticia” desas instalacións porque así se evitaba que fose incorporado como ben público.

“En marzo do ano 38 figura nun documento privado unha doazón (do pazo) aceptada en decembro de 38 polo propio Franco coa súa firma” e cando o ditador “xa ocupaba o ben”, inscribiuse notarialmente a compravenda por parte dunha herdeira afastada de Emilia Pardo Bazán a Franco e Carmen Polo, detallou Ferreira.

Dita escritura, tal e como destaca o estudo xurídico, reflicte un prezo de venda baixo, recolle que non se entrega fisicamente o diñeiro ante notario e inclúe unha cláusula pola que “non se pode reclamar nada contra esa transmisión” polas partes que acordaron a compravenda.

O informe promovido pola Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás conclúe que o contrato de 1941 é “simulado” porque unha persoa que xa é posuidora “está a comprar o pazo mentres está a ser vendido por outra persoa que xa vendera o inmoble”. Os expertos insisten, ademais, no detalle de que era a doazón de “un ben ao xefe do Estado para uso do xefe de Estado”, como sucedía co Palacio do Pardo. “Non se doou o ben a Franco, senón ao xefe do Estado”.

“Deses bens que se doan ou se transmiten para uso do xefe de Estado os xuristas vimos discutindo a necesidade de distinguir o patrimonio da persoa rei do patrimonio da Coroa”, sostivo o coordinador do estudo, que xa reclamaba que se emprendesen accións legais. Neste sentido e en opinión dos autores do informe, o pazo debería “formar parte do patrimonio nacional” por ser “froito de negocios simulados ou ficticios”.

A CRMH celebra a interposición da demanda

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo durante a súa declaración no xuízo promovido polos Franco

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) expresa a través dun comunicado a súa alegría por esta decisión e parabeniza “no que toca ao seu traballo feito a prol da devolución do Pazo de Meirás a titularidade pública, xa que esta demanda posta polo Estado á familia Franco ratifica que o traballo feito fíxose correctamente”.

Tanto o informe xurídico-histórico feito polas expertas para a Deputación da Coruña, como o outro informe feita a instancias do Parlamento da Galiza, indican, “desmonta a teoría da familia Franco de que o Pazo foi unha doazón do pobo galego ao seu antepasado ditador, e a denuncia da Avogacía do Estado así o avala”.

O BNG recorda aos 19 de Meirás

O BNG, pola súa banda, indicou que “a recuperación do Pazo de Meirás chega tarde, pero parece que chega. Faino grazas ao traballo de Carlos Babío- autor do libro sobre a adquisición do pazo- de Goretti Sanmartín- vicepresidenta da Deputación impulsora da Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás-, de Ana Miranda- eurodeputada que denunciou en Bruxellas a promoción do fascismo no pazo- e dos 19 de Meirás- os activistas denunciados por ocupar as torres un día de visita pública demandando a súa devolución”. Os nacionalistas advirten que “traballaremos para que isto non quede nun anuncio, como a inhumación do Ditador, que aí sigue”.