O cura de Xestoso ofrece as reitorais das súas parroquias a Sanidade diante da pandemia

O crego de Xestoso, Luis Ángel Rodríguez Patiño

Luis Ángel Rodríguez Patiño, crego de Cambás, Xestoso, e Momán e Labrada xa en Guitiriz, demandou á Igrexa que poña as súas propiedades ao servizo de Sanidade para actuar fronte a pandemia. O crego, controvertido por demandar a excomuñón de políticos corruptos e censurar á xerarquía católiza, cuestionou o comportamento dunha Igrexa que “fala moito pero hai pouco”.

O pasado domingo anunciou que el, como sacerdote, cederá á administración competente en materia de coronavirus os templos de culto así como as casas reitorais que ten ao seu cargo para que poidan ser usadas durante esta crise. Nun escueto artigo de opinión en Xornal de Betanzos detalla o seu punto de vista.

“Denuncio e pido perdón en nome da Igrexa pobo de Deus á Igrexa xerárquica, a institución máis insolidaria e egoísta ata a data”, denuncia Rodríguez Patiño no seu escrito. “A Igrexa (bispados, dioceses, ordes…) dispón de instalacións equipadas para entregalas ao dispor da sanidade”, asegura antes de detallar unha longa lista de inmobles como residencias, albergues, casas de exercicios, seminarios… “que se construíron con medios públicos”.

“A requisa de hoteis privados que se utilizarán como hospitais custaranos diñeiro público, pero o que non se requisan son as propiedades e depósitos da igrexa”, engade Patiño. Citando o Evanxeo de San Mateo, o popular crego demanda exemplo “tiven fame e déchesme para comer. Tiven sede e déchesme de beber. Fun hóspede e recolléstesme. Espido e cubrístesme. Enfermo e visitástesme”.

Rodríguez Patiño vai máis aló e esixe á Igrexa un cambio de actitude en canto ás doazóns. “os bispos xúntanse para falar na radios, pero teñen que xuntarse para tomar decisións”, di. “A Igrexa ten grandes cantidades de depósitos nos bancos e ata o de agora non entregaron nada para a causa… e é un problema internacional”, engade Rodríguez Patiño.

“A Igrexa ten que seguir a Cristo e a primeira que ten que dar testemuño ante a xente, ante os que sofren, é ela. Non importa nada máis e dá igual o que custe”, di o párroco de Cambás e Xestoso, que segundo Galiciaé xa tivo que oficiar un enterro por coronavirus en Xestoso, en Monfero.