O cura de Xestoso arremete contra a Deputación polo estado da estrada Betanzos-Irixoa

As parroquias de Xestoso pertencen a Monfero

As parroquias de Xestoso pertencen a Monfero

Se hai algo que non arreda a Luis Ángel Rodríguez Patiño, crego de Xestoso, é estar no ollo do furacán. Aínda non se apagaron os ecos da súa decisión de arremeter contra a homofobia da xerarquía católica introducindo o tema no Belén dunha das parroquias que atende, cando decidiu arremeter contra a Deputación en aras de defender a seguridade dos seus fregueses.

Segundo o relixioso, o pasado domingo caeu un piñeiro enriba dun coche en Irixoa, accidente, que “se vía vir” sen que a Deputación procedese á súa tala. Asegura que na estrada se acumulan restos das follas do piñeiral, favorecendo a patinaxe dos vehículos que transitan a vía, e que ao non se limpar as cunetas se produce o efecto de aquaplaning. Por este motivo, dirixiu un escrito ao ente provincial para que atenda a vía, que é da súa titularidade, de xeito urxente. Esixe a limpeza “en condicións” para garantir a seguridade do tráfico e que se adopten “as medidas oportunas para manter a vía”.

Un Belén contra a homofobia, un neno Xesús que nace na cadea

Unha manifestación en favor dos dereitos das persoas homosexuais, unha fronteira con arames inzados de coitelas e un portal de Belén nunha cadea porque Xosé e María fixeron un escrache a Herodes son as polémicas denuncias que este ano decidiu facer o “bispo de Xestoso” por medio da imaxinería de Nadal. O ano pasado era unha Sagrada Familia desafiuzada diante dun portal de Belén embargado. Xunto a esta denuncia orixinal de problemas sociais, Rodríguez Patiño tamén clama nas súas homilías pedindo retirar da liturxia católica a referencia a Israel polo trato que dá na actualidade ao pobo palestino e reclamando a excomunión para os políticos e banqueiros corruptos.

Este crego, cuxo nome sonou hai anos para rexir algunha das parroquias urbanas de Betanzos, ten criticado tamén nos platós das televisións o celibato obrigatorio para os cregos e o exceso de pompa que baleira determinadas celebracións litúrxicas, como as procesións de Semana Santa que desde hai algo máis de unha década proliferaron polo país. Asegura, a pesar das sancións que a curia compostelá lle impón, que non pode calar diante dos problemas que denunciaría Cristo se vivise hoxe.