O consorcio das Mariñas decide pagar 183 mil euros máis do contratado a Servigal polo servizo de lacería

Gelo e Santiso Miramontes na canceira de Abegondo dependente do Consorcio

Na sesión plenaria, o Consorcio deu luz verde a un acordo extraxudicial coa empresa concesionaria do servizo de lacería, Servigal, para abonarlle os 183.403 euros tras presentar unha demanda polo período en que prestou o servizo de acordo á lei de benestar animal da Xunta, que implica máis custos, antes de que se modificase o contrato para aumentar o importe. O Consorcio viu xusto abonar a contía correspondente ao incremento dun 25% dos animais: o iaumento de media xornada de veterinario, unha dun operario, máis alimentos, gastos veterinarios, limpeza, esterilizacións, reparacións e gasoil, detallou o xerente comarcal.

A primeira tenente de alcalde de Oleiros, María José Varela, defendeu que debería facerse unha modificación de contrato e, ao non ser así, o acordo é “nulo de pleno dereito”, polo que votou en contra. O secretario comarcal explicou que non podía modificarse o contrato porque xa fora resolto. O xerente aclarou que o que se abona sumado á contía que percibía a empresa suma algo menos que o correspondente ao contrato actual. Os alcaldes coincidiron en apoiar a proposta do alcalde de Sada, Benito Portela, de reclamar que o Goberno galego financie o servizo.

O Consorcio As Mariñas trasladará tanmén ao Concello da Coruña a súa “inquietude” pola falta de informacións sobre os avances do prego para licitar o tratamento de residuos na planta de Nostián. O ente supramunicipal —que integran Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada— aprobou onte en pleno por unanimidade adxudicar o transporte e tratamento dos rexeitamentos e acordou trasladar a súa “inquietude” á Coruña. O Concello coruñés asegura que mantén contacto co Consorcio e os entes implicados, que o prego está “moi avanzado” e que agarda a que Estado e Xunta concreten as novas normativas sobre residuos e entulleiras para estudar se hai que adaptar o prego antes de licitalo.

Os rexedores aprobaron o orzamento para 2021, de 12,9 millóns de euros. Oleiros votou en contra, non por discrepancias co documento, senón con “o procedemento”, ao entender que debería aprobar as contas Oleiros por estar o Consorcio adscrito a ese concello.