O Consorcio das Mariñas alerta dun incremento de abandono de mobles na vía pública

Moreas de lixo sen recoller a carón dos colectores soterrados no Campo

O Consorcio das Mariñas alertou dun incremento do número de abandono de mobles e enseres na vía pública nestes meses de verán. O ente supramunicipal recorda que hai un teléfono- o 981 795 524- para concertar coa empresa concesionaria o servizo de retirada gratuíta deste tipo de refugallos.

Recorda que, de ordinario, este servizo funciona os luns en Betanzos e Bergondo; os martes, en Cambre; os mércores percorren Abegondo e Carral; os xoves, Sada e Culleredo e os venres, Oleiros.

Ademais, o Consorcio das Mariñas lembra que os particulares poden trasladar eles mesmos este tipo de enseres aos puntos limpos municipais- o de Betanzos está situado no polígono de Piadela.

Desde o Consorcio das Mariñas aseguran, ademais, que desde o pasado mes realizouse un reforzo especial de recollida de residuos sólidos urbanos e que todos os domingos e festivos fai funcionar un total de catro roteiros que percorren os puntos principais dos oito municipios e as zonas turísticas.