O Consorcio contra Incendios aprobará mañá a xestión pública dos bombeiros

Parque comarcal de bombeiros de Betanzos

O Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña celebrará mañá un pleno para dar paso á xestión directa dos dez parques comarcais de bombeiros da provincia, entre eles o de Betanzos. O acordo permitirá cumprir cunha antiga demanda dos efectivos contraincendios, que alertan desde hai anos do risco de deixar en mans de empresas este servizo básico e esencial, e tamén cunha das condicións que o BNG puxo para soster e participar do goberno na Deputación Provincial hai case catro anos.

O consorcio provincial está formado pola Xunta e Deputación,  e debaterá o venres o procedemento para seguir para a xestión do servizo de prevención e extinción de incendios. Prevese que o acordo contemple o rescate dos parques comarcais, pero aprazando a posta en marcha da xestión pública dos mesmos ata o 1 de xaneiro de 2020.

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación. O cambio de modelo foi un dos eixos do pacto de goberno

Xa hai tempo que un informe puxo sobre a mesa a conveniencia de xestionar directamente este servizo e mesmo permitiría aforrar custos ás administracións. O acordo chega despois de que a Xunta e a Deputación de Lugo desen luz verde o pasado febreiro á xestión directa dos parques comarcais da provincia lucense, polo que todo apunta a que o Goberno galego manterá o mesmo criterio.

A implantación dun modelo público de emerxencias, sen empresa interposta, foi un dos principais obxectivos do Goberno provincial (PSOE-BNG). En xaneiro de 2016, Xunta e as catro deputacións mantiveron unha reunión para analizar a viabilidade da xestión directa. Desde entón a Xunta requiriu varios informes e datos antes de permitir dar o paso.