O Concello de Miño terá que pagar 194 mil euros polo accidente laboral dun traballador en 2016

A débeda de Miño seguirá crecendo. A Tesourería Xeral da Seguridade Social reclama ao Concello de Miño 194.413 euros polo accidente laboral dun traballador ao que lle foi recoñecida unha incapacidade laboral permanente.

A Seguridade Social imputa ao Concello este pago en concepto de recarga pola falta das debidas medidas de seguridade. O accidente laboral rexistrouse en agosto de 2016 e deu pé á apertura dun proceso xudicial polo que tivo que declarar o pasado ano o alcalde, Ricardo Sánchez, en calidade de investigado.

O empregado, un operario do departamento de obras ao que lle foron recoñecidas secuelas graves e irreversibles, permaneceu varias semanas en coma inducido tras caer dunha escaleira cando realizaba labores de poda dunha rama a uns catro metros de altura.

Poda para amañar a rúa Estremeiro para food trucks

O alcalde deu a orde de podar estas ramas para permitir o acceso dun food truck na contorna da rúa Estremeiro e, segundo denunciou a representante legal do empregado, o traballo realizouse fóra do horario laboral e sen as oportunas medidas de seguridade. O rexedor negou calquera responsabilidade no sucedido.

Inspección de Traballo abriu unha investigación para esclarecer o ocorrido. Segundo detallaba no seu informe, o operario subiuse a unha escaleira de man  duns 2,5 metros para realizar a poda, na que lle axudaba o encargado de obras, quen tentou sen éxito suxeitar a rama mentres o traballador ca cortaba cunha motoserra.

A rama caeu parcialmente sobre o accidentado, desequilibrouno e provocou a súa caída ao chan e un golpe na cabeza. Inspección de Traballo concluíu que a “causa directa” do accidente laboral foi “que o equipo de traballo utilizado como medio auxiliar para os traballos non era o adecuado”. Ademais, segundo o seu informe, o operario, funcionario interino, non recibira a correspondente formación.

O goberno local pide un aprazamento da débeda

Oroza coa deputada de En Marea Yolanda Díaz, cando esta veu apoiar as demandas do rexedor sobre a débeda

O Concello de Miño non informou desta reclamación da Seguridade Social, que transcendeu agora porque o Executivo municipal levará a pleno a petición dun aprazamento e fraccionamiento da débeda. O Goberno local apela á súa “falta de capacidade orzamentaria e financeira”e solicita ao Ministerio de Traballo que permita realizar os pagos en cinco anualidades, ata 2024.

Segundo a proposta que eleva a pleno, a súa petición pasa por pagar 19.866 euros en 2019 e demorar o resto da débeda ao seguinte mandato. A súa proposición obrigaría a abonar 21.081 euros en intereses de demora.

Intervención municipal referenda no seu informe a situación de insuficiencia financeira á que apela o Goberno local para pedir este adiamento no pago. A interventora admite que o Concello non pode dar de baixa outras partidas para facer fronte a esta reclamación sen provocar unha “grave perturbación dos servizos públicos” e apela á situación excepcional á que se enfronta o Concello pola millonaria débeda de Fadesa.