O Concello de Miño finaliza a renovación do céspede do campo de fútbol

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, acudiu esta mañá ao campo de fútbol de Gallamonde para asistir ao acto de recepción do proxecto para a renovación do terreo de xogo, que xa finalizou e está listo para comezar unha nova tempada, a pesar de que esta aínda non conta cunha data definitiva debido ao contexto sanitario actual. A actuación, que comezou o pasado mes de maio e que foi financiada integramente por parte da Deputación provincial da Coruña, permitiu substituir o céspede antigo por outro de herba artificial de última xeración.

Ao acto de recepción asistiron, ademais do alcalde, o concelleiro de Obras, Agustín Sanz, e diferentes membros da directiva da A.D. Miño. Con esta actuación, dáse carpetazo a un procedemento que estivo anos na axenda dos anteriores gobernos, pero que se canalizou e acelerado nos últimos meses coa colaboración da Deputación provincial da Coruña. “Supón unha revolución en canto a custos de mantemento, pero tamén a nivel de usabilidade. Por fin podemos gozar en Miño dunha infraestrutura que levabamos moitos anos demandando, como o é un campo de fútbol acorde á categoría das deportistas e os deportistas de Miño, e sobre todo que non provocará lesións aos xogadores”, apuntou o alcalde.