O Concello de Miño cancela tamén todas as actividades culturais e deportivas para frear a expansión do COVID-19

Casa do concello de Miño

O Concello de Miño cancelou todas as actividades culturais e deportivas para frear a expansión do coronavirus. Desde o Consistorio aconsellan acudir ás oficinas municipais tan só en casos de extrema necesidade. O goberno local acordou esta mañá suspender tamén as Feiras que se celebran todos os domingos e ata novo aviso. Pecharanse ao público todas as instalacións municipais e seguiranse as instrucións da Xunta en materia de educación.

Desde o Concello recoméndase tamén utilizar os medios telemáticos e telefónicos na medida do posible, e incídese na necesidade de evitar aglomeracións, así como seguir as instrucións oportunas que así decretaron os organismos competentes, actuar con responsabilidade e facer caso ás medidas de prevención recomendadas.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, quixo “facer unha chamada á calma. Habemos de actuar xa pero con total prudencia, e é por isto que adoptaremos todas as medidas que sexan necesarias para frear a expansión do coronavirus. Confío en que as nosas veciñas e veciños serán exemplo de bo facer e contribuirán a que a situación se encamiñe canto antes”, destacou Faraldo.