O Concello de Abegondo utilizará videoconferencias para as reunións dos seus organos colexiados

José Antonio Santiso Miramontes é o alcalde de Abegondo

O Concello de Abegondo anunciou que recorrerá a medios telemáticos para manter a actividade dos seus órganos colexiados durante o estado de alerta. As sesións celebraranse por videoconferencia, asegurando o funcionamento democrático da administración.

A xunta de goberno local e a xunta de coordinación foron os primeiros órganos que se celebrarán deste xeito. Para levalas a cabo, a nivel técnico, o Concello empregará a tecnoloxía de Google Meet. Como marca a resolución, a secretaría tomará acta, podendo gravarse a sesión.

Santiso ten previsto a convocatoria en breve dun pleno tamén para dar conta e facer un seguimento da emerxencia polo COVID-19. Desde que se iniciou o estado de alarma, o alcalde está a informar con periodicidade a todos os concelleiros da corporación, incluíndo a oposición, e tamén a grupos políticos sen representación.

O rexedor apunta que con esta decisión búscase “garantir que a administración local siga funcionando con eficacia”. Santiso sostén que os órganos colexiados son “imprescindibles para dar resposta a moitas necesidades veciñais” e ante unha emerxencia sanitaria destaca a importancia de estar preparados para non paralizar a vida municipal, sobre todo de fronte ao futuro.

O Concello válese así do estipulado na Lei Reguladora de Bases de Réxime Local, que fixa que ante situacións de emerxencia pódense realizar órganos colexiados por medios electrónicos.