O comité de empresa oponse ao peche de EMESA, en Coirós

Emesa no polígono de Coirós

O comité de empresa de Emesa, compañía dedicada á fabricación de estruturas metálicas, mostrou este mércores a súa “preocupación” polo concurso de acredores que presentou o Grupo Soil Recovery, propietario da factoría ubicada no polígono industrial de Coirós. Alertan de que o seu peche causaría “dano social, laboral e económico” á comarca de Betanzos e sumaríase ao “desmantelamento” que afronta o sector industrial galego.

O comité de empresa oponse ao peche e defende os postos de traballo. “Ese é o fin que contemplamos para o final do concurso de acredores, nin o peche, nin despedimentos colectivos, nin extinción de empregos de forma especulativa e escura”, abundan. Reivindican o “capital humano, social, laboral e económico que se xerou en 62 anos de historia” e critican que “se está poñendo en dúbida polos intereses ocultos do Grupo Soil Recovery”, que comprou Emesa en 2015 despois de oito expedientes de regulación e “desde o principio mostrou un total e absoluto desprezo tanto aos traballadores como aos seus representantes”.

De feito, o comité asegura que a actual situación é “culpa” do grupo, ao que acusa dunha xestión “nefasta” e do “abandono de Emesa” sobre todo a partir de 2019, un “abandono que buscaba forzar devandito concurso”, segundo os representantes dos traballadores. Na súa comparecencia, referíronse ao despedimento “fraudulento” de “máis de 30” traballadores no último mes, que se marchan ao non recibir as nóminas “desde hai dous meses e medio”.

Tamén denunciaron a falta “desde hai meses” de materiais “mínimos para poder traballar” e o rexistro de “infraccións continuadas en materia de seguridade que poñen en risco o persoal”. O concurso de acredores de Grupo Soil Recovery, desde o punto de vista do comité, “podería derivar na liquidación da empresa”. Tras a rolda de prensa, os representantes dos traballadores aproveitaron para poñer a situación en coñecemento da alcaldesa de Betanzos.

O BNG solidarízase cos traballadores e demanda con urxencia o Estatuto da Industria Electrointensiva

As súas demandas recolleron enseguida o apoio do BNG. Os nacionalistas amosaron a súa solidariedade co cadro de persoal de EMESA diante do anuncio de concurso de acreedores e ERE de extinción anunciado pola compañía ao seu persoal. As nacionalistas lamentan que a empresa leve varios meses sen abonar as nóminas ao persoal e critican a “incerteza” coa que EMESA obriga ao cadro de persoal a vivir desde hai meses.

As nacionalistas lembran que EMESA ven arrastrando esta situación de “incerteza e interinidade inducida” desde 2011 e inciden en que a situación de EMESA afectará tamén a todas as plantas auxiliares e empresas que prestan servizos á factoría ubicada no polígono de Coirós. “Esta situación agravará o desemprego na cidade de Betanzos, onde residen unha parte importante dos traballadores de EMESA, e tamén en toda a comarca das Mariñas”, advertiu o portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río.

“Estamos ante un episodio máis da crise industrial que atravesa Galiza mentres a Xunta e o Estado miran para outro lado”, advertiu o nacionalista. “Para garantir postos de traballo na industria do metal Galiza precisa unha tarifa eléctrica galega”, abundou.

Néstor Rego, deputado do BNG nas Cortes, presentou esta mesma mañá no Rexistro do Congreso unha pregunta escrita dirixida ao Goberno repecto a nova poxa de interrompibilidade que foi publicada no BOE o 3 de decembro do 2019 e que empeora as condicións para a industria electrointensiva.

Ao mesmo tempo o BNG reclama que se aprobe con urxencia un Estatuto da Industria Electrointensiva que estableza unha tarifa estábel e económicamente asumíbel que permita a competitividade industrial e o mantemento dos postos de traballo.

“Non se pode chegar a comprender como sendo Galiza un país produtor excedentario de enerxía eléctrica, os fogares galegos teñan que pagar a factura máis cara do Estado español e teñamos máis de 5.000 posto de traballo en risco de se perder.” afirma o deputado do BNG Néstor Rego.