O colectivo Vía Galega chama a manifestarse o sábado na Praza para exixir traballo digno no país

A emigración galega actual é unha emerxencia nacional e os poderes públicos deben activarse contra ela. Con esta premisa como punto de partida, a plafaforma Vía Galega chama a manifestarse simultáneamente en máis de 40 municipios de todo o país para demandar traballo digno. A convocatoria simultánea é ás 12 da mañá deste sábado 14 diante das casas consistoriais. En Betanzos, concretamente, na praza da Constitución, diante do Pazo Municipal.

A acción emárcase dentro da campaña “Non Emigramos. Expúlsannos”, para denunciar a situación de emigración forzada á que se ven sometidas millares de persoas cada ano no noso país. “Desde Vía Galega, entendemos a emigración como o síntoma principal dunha economía subalterna, que non aproveita as verdadeiras potencialidades de Galiza, e que se limita, na práctica, a fornecer materias primas en lugar de terminar os ciclos produtivos no país” destacan. “Somos conscientes de que esta orientación non é casual, senón produto da falta de soberanía política, da dependencia das relacións económicas a respecto de Madrid e da falta de interese dos diferentes gobernos autonómicos en promover unha economía autocentrada” engaden.

“Estas concentracións son un chamado á acción dos poderes públicos para que recoñezan a emigración galega actual como unha emerxencia nacional e activen, dunha vez, os mecanismos para remediar esta lacra” salienta a plataforma, creada en 2018 a partir da xuntanza de máis de 40 entidades de diferentes tipos e eidos: do sindical ao cultural, do ambientalista ao educativo, dos centros sociais ao campo estudantil, pasando polo internacionalismo, a música popular, a memoria histórica, etc.

Neste momento, son case 60 as organizacións e colectivos que integran Vía Galega, que continúa a medrar a partir dos principios esenciais nos que basea a súa acción: Galiza é unha nación e, como tal, ten dereito a exercer libremente a súa autodeterminación.