O BNG volta exixir no Parlamento fondos e prazos para o saneamento da ría de Betanzos

A ría de Betanzos. CC wikipedia

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento para demandar de novo orzamento e prazos para o saneamento da Ría de Betanzos. “A Ría de Betanzos leva anos agardando polo seu saneamento integral. A pesar de que a ría é Rede Natura 2000 e que se encontra en plena Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, os vertidos seguen a producirse continuamente sen ningunha consecuencia”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.

“A propia Xunta de Galiza recoñece que ten puntos de verquido localizados nesta ría en diferentes concellos como Miño, Betanzos ou Bergondo. Tamén recoñece o incorrecto funcionamento das depuradoras existentes, a inexistencia de separación de pluviais e fecais, así como a carencia de tanques de tormentas que provoca problemas nas redes de saneamento nas épocas de choiva”, indicou a deputada nacionalista.

“Cómpre salientar o deficiente saneamento de concellos como o de Paderne, que carecen de sistema de depuración propio, xa que só contan con decantadoras, e aos verquidos das redes de saneamento ao mar hai que sumar os continuos verquidos de empresas e industrias aos ríos que desembocan na Ría de Betanzos”, engadiu Queixas.

Por todo isto o BNG reclamou no Parlamento a elaboración dun informe sobre a calidade da auga da Ría de Betanzos, a situación do saneamento e os puntos de vertidos, así como dun cronograma das actuacións previstas pola Consellería de Medio ambiente, Territorio e Vivenda para solucionar estas deficiencias. Tamén na súa iniciativa esixe que a construción dunha depuradora nos concellos que actualmente carecen de depuración como é o caso de Paderne asumindo a correspondente partida nos orzamentos de 2021.

O BNG pediu tamén a creación da Mesa da Ría de Betanzos na que estean representados colectivos medio ambientais, confrarías, representantes dos concellos e dos diferentes grupos políticos que integran as corporacións e técnicos de medio ambiente. Nesta mesa faríase un seguimento da calidade da auga da ría, dos verquidos que se producen e as consecuencias, así́ como do cronograma acordado pola Xunta para subsanar as deficiencias.

Repercusión no marisqueo

“Na Ría de Betanzos existe actividade extractiva de marisqueo con catro polígonos, explotados pola Confraría de Miño, dous deles catalogados como zona C pola contaminación da auga e outro C estacional. Esta situación provoca unha evidente perda de emprego, como se demostra no feito de que a Confraría de Miño ten actualmente 22 permex, mentres que no ano 2002 tiña 42”, indicou Mercedes Queixas.

“Hai 11 puntos de zona C para o marisqueo na costa galega pola contaminación da auga por bacterias fecais e dous deles son no interior da Ría de Betanzos, ademais do C estacional en Bañobre. A mala calidade da auga e a obriga de enviar o marisco á zona de reinstalación na parte externa da Ria de Ferrol, impide que medre a actividade extractiva polas evidentes perdas que xera”, explicou.