O BNG propuxo que o concello de Abegondo elabore unha guía de axudas das diferentes administracións

Imaxe: web do BNG comarcal

O BNG propuxo ao goberno local que o concello elabore unha guía de axudas dirixidas a superar a crise do coronavirus das diferentes administracións. “Esta guía estaría enfocada non só para comerciantes e autónomos, se non para calquera persoa que poida estar sufrindo as consecuencias do coronavirus, por exemplo, por un ERTE e explicaría os dereitos que teñen e como solicitar estas axudas das diferentes administracións”, explicaron desde o BNG, “detectamos que a veciñanza le os continuos anuncios que aparecen na prensa e non sabe ao que ten dereito nin como e onde solicitalo”.

“Por iso pensamos que sería beneficioso ter unha guía con toda esta información no web do concello onde se vaia modificando engadindo as novas medidas ou axudas”, engadiron, “ tamén sería positivo ter un punto de información telefónico e on line no concello sobre estas axudas, mentres non poida ser presencial”.

Listado de produtores e pequenos comercios

O BNG propuxo tamén que na web do concello se colgue un listado de produtores e pequenos comercios de Abegondo cos contactos para intentar paliar as perdas que lles está a provocar esta situación. “Falamos por exemplo de produtores de horta ou das persoas que venden habitualmente nos mercados”, indicaron.

Garantir a conexión a internet

Outra das propostas dos nacionalistas sería repartir equipos e routers de conexión internet ás familias que o precisen, na liña que se ven facendo noutros concellos da comarca como Betanzos ou Miño.

O BNG aproveitou para trasladar o seu apoio e ánimo a toda a veciñanza moi especialmente ás persoas que teñen familiares ou amigos afectados polo coronavirus e ás persoas que traballan en sectores esenciais como a saúde, os servizos sociais ou a alimentación.