O BNG pide á Deputación que acelere a construcción da senda peonil entre Guiliade e Guísamo

O pazo é un dos elementos patrimoniais de Piadela

A estrada une os núcleos de Guiliade, Piadela e Viladesuso co bergondés de Guísamo

O BNG reclamou á Deputación celeridade na construcción da senda peonil na estrada DP-0810 que une o núcleo betanceiro de Guiliade co bergondés de Guísamo. “Non pode ser que a Deputación ande a voltas con este proxecto desde o ano 2007 e non dea rematado dunha vez cando a obra non reviste especiais problemas técnicos”, indicou o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río.

“Non di moito a favor da Deputación ter que facer unha modificación do proxecto este ano ao descubrir que en inverno en Galiza chove arreo”, ironizou o nacionalista. Desde o BNG lamentan a falta de previsión tanto da Deputación como do Concello por ter que facer unha modificación do proxecto para incluír drenaxes nas zonas de cotas máis baixas e na zona do regato e o lavadoiro, entre os puntos kilométricos 2,450 e 2,890.

Precisamente a falta de previsión da Deputación con respecto a este lavadoiro exixirá modificar novamente o proxecto e retrasar aínda máis a conclusión das obras. “Para poder botar a senda peonil na zona do lavadoiro será preciso construír entre 400 e 1000 metros de muro de contención tipo escollera, con recheo incluído”, explica o edil do BNG, que advirte que tamén será preciso botar novas cunetas e pozos de rexistro. “Máis costes, máis tempo e máis molestias para a veciñanza por non mirar o que se fai”, conclúe.

Os nacionalistas recordan que non é a primeira demora que padece a ampliación e mellora desta estrada. “A obra tivo que ser dividida en dúas fases a causa das reclamacións do propietario da finca denominada ‘Villa Julia’ situada en Guísamo”, explican desde o BNG. Os nacionalistas cuestionan que o propietario pretendese facer pasar por patrimonio histórico o peche perimetral da finca, que moitos veciños e veciñas recordan ver construír.

Segundo explicaron desde o BNG, “a primeira fase tivo que tramitarse de novo debido a que caducou o expediente na Xunta para a urxente ocupación das propiedades afectadas”. “Da segunda nada se sabe e continúa paralizada” advertiu o nacionalista baseándose nas respostas recibidas desde o goberno provincial do PP.

Os nacionalistas insisten en que a estrada soporta un tráfico denso e é especialmente perigosa para os peóns. Por este motivo hai unha forte demanda veciñal para garantir a seguridade viaria na mesma, tanto na parte betanceira como na bergondesa. “En lugar de poñer fin a esta situación, Deputación e goberno local, PP e PSOE, fan recorrentemente anuncios sobre melloras que nunca chegan”, lamenta o edil nacionalista. “Créanse unhas expectativas de mellora na veciñanza que se ven defraudadas pola lentitude e falta de operatividade habitual da Deputación“, conclúe.