O BNG pediu información sobre a “chapuza” na obra de amaño da varanda da Ponte do Pedrido

Imaxe da obra na varanda do Pedrido

O BNG de Bergondo ven de solicitar ao Goberno Local que pida información ao Goberno da Xunta, da que depende a Ponte do Pedrido, sobre a obra que se realizou nos últimos días para amañar a varanda  e que “supón un verdadeiro atentado contra o noso patrimonio”.

 “A reparación dalgúns tramos de varanda da ponte que resultaron danados hai meses por un accidente de tráfico é unha auténtica chapuza, unha mole de cemento armado, no canto dunha varanda de deseño como a que tiñamos dende a súa construción nos anos 40” indicou o portavoz do BNG David Carro, “en 80 anos de vida da ponte non se viu outra agresión de tal calibre?” preguntouse o concelleiro nacionalista.

O BNG solicitou ao concello de Bergondo que actúe en defensa dunha ponte que é mesmo un símbolo do propio concello e que supuxo un antes e un despois na vida da comarca das Mariñas ao ser o primeiro paso que permitía atravesar a Ría de Betanzos sen ter que percorrer quilómetros pola parte interior da Ría. “É un símbolo do noso concello, da nosa historia e fundamental para toda a nosa comarca e non se pode permitir esta deixadez e falta de sensibilidade no tratamento que lle dan as administracións”, concluíu.

O BNG anunciou tamén que pedirá explicacións a Xunta por este inxustificable atropelo contra un ben tan importante do noso patrimonio.