O BNG esixe explicacións á alcaldesa de Bergondo sobre os datos que figuran no sumario da Pokémon

O Concello de Bergondo

O Concello de Bergondo

O BNG esixiu explicacións á alcaldesa de Bergondo sobre a súa implicación na trama corrupta “Pokemon”. A responsábel do BNG das Mariñas, Cristina López, insistiu en reclamarlle a dimisión unha vez feitos públicos estes datos “xa que éticamente non pode seguir gobernando”. “Diante dos novos tomos do sumario da trama ‘Pokemon’ que se veñen de facer públicos cremos que a veciñanza merece unha explicación da alcaldesa do PSOE”, indicou Cristina López, responsábel do BNG das Mariñas. “Non é de recibo que cando se fixo pública a primeira entrega a alcaldesa lonxe de dar calquera explicación amenace cunha demanda ao BNG, cando apenas un mes despois nos encontramos cun apartado propio co nome de caso Bergondo”, criticou.

Estas obras coinciden polos datos que dan no propio sumario cunha obra do POS da Deputación do ano 2012, que serían obras de saneamento e alcantarillado na parroquia de Lubre, entre Sanín e o río Maior por unha contía de 88251 euros, dos cales 76441 foron a cargo da Deputación da Coruña e o resto financiado polo propio concello.
“Segundo o sumario da Pokemon non só a alcaldesa Alejandra Pérez Máquez tiña pactado un contrato negociado para concederllo a Aquagest, senón que mesmo tería imposto que empresa tiñan que subcontratar para executar a obra, concretamente trataríase dunha empresa con sede en Pontedeume”, explicou López. “A alcaldesa tería coñecemento de que Aquagest estaría amañando o concurso con outras dúas empresas – Boqueixon e CPS – e mesmo sería partícipe destas ilegalidades, segundo se deduce do mesmo sumario”.

“A propia alcaldesa advertiría ao encargado de Aquagest de que o rexistro de contratista da Deputación de unha das empresas presentadas está caducado e teñen que solucionalo ‘porque lle pode traer un problema’ se a oposición cae na conta de que o contrato está amañado”, informou a responsable do BNG das Mariñas.

“Ademais estas mesmas tres empresas teríanse presentado en procedementos negociados para contratar con outros concellos como Cedeira e Valdoviño, nas que de novo a adxudicataria resultou ser Aquagest”, explicou Cristina López. “É escandaloso o uso que se fai dos cartos de todos e todas para favorecer as empresas amigas en lugar de buscar as mellores condicións posíbeis para os investimentos públicos”.

“Pensamos que a veciñanza merece unha explicación pública de porque todos os datos que aparecen no sumario coinciden con obras adxudicadas nas mesmas datas e nas mesmas cantidades a empresa Aquagest”, reclamou a responsábel do BNG das Mariñas, quen volveu a exixir a alcaldesa que explique a que se deben estas coincidencias co que establece o sumario, e recorda que “calquera persoa que ocupe un cargo público imputada por un caso de corrupción debera dimitir”.