O BNG cuestiona o horario do corte de auga decretado polo goberno de Irixoa e propón buscar máis mananciais

O Concello de Irixoa

O BNG mostrou a súa preocupación polo anuncio do goberno local de realizar cortes no subministro de auga a partir do 30 novembro entre as 11 da mañá e as 18 da tarde. “ Parécenos que é unha medida moi dura porque supón que nas horas centrais do día as explotacións, os negocios e mesmo as casas van estar sen auga. Isto vai supor un grave problema para as explotacións e os negocios do noso concello”, explicou a portavoz do BNG de Irixoa, Rosa Rivas.
“Hai parroquias que teñen traída veciñal e veciños que teñen pozos pero a maioría van sufrir os cortes de 7 horas do subministro da auga”, engadiu Rivas. “Ademais a información non está sendo como debera nun asunto desta gravidade, colgaron carteis pero nin tan sequera na web do concello está colgada a información. Pensamos que o concello ten que informar correctamente á veciñanza de se vai haberá excepcións a esta medida, en que casos, canto se prevé que dure e a situación dos depósitos de auga”, indicou a portavoz nacionalista.

“Pensamos que o goberno tiña que ter previsto esta situación que hai meses que se sabía que se non chovía podía haber dificultades e se se tivesen tomado medidas naquel momento ao mellor non sería necesario chegar a cortes desta gravidade”, criticou Rivas, “pedimos que se valoren casos excepcionais como negocios que dependen do subministro de auga ou explotacións e se regulen con eles outro tipo de medidas de aforro”.
Desde o BNG anunciaron que presentarán unha moción no concello para esixir ao goberno que busque novos mananciais para garantir o subministro de auga en situacións de seca como a actual.

Os nacionalistas fixeron estas declaracións tras enterarse, por medio das redes sociais, dun bando do rexedor de Irixoa no que anuncia o corte do abastecemento nas horas centrais do día, de 11 a 18 h. O rexedor advertía no bando que establecerá un “servizo extra de vixilancia para que se cumpra estrictamente a normativa, denunciando e sancionando os usos incorrectos e abusivos”. PSOE e BNG denuncian que se decataron “polas redes sociais” e critican ao executivo municipal por tomar unha medida “tan extrema” sen reunir antes á Corporación local para valorar as alternativas.

Por outra banda, o Concello de Paderne celebrará hoxe un pleno extraordinario para aprobar un modificativo de crédito que permita executar no mínimo tempo posible obras para ampliar a rede de subministro. Trátanse de traballos para a captación en dous depósitos e mellorar un tramo da canalización. O alcalde, César Longo, non conta con adoptar a curto prazo medidas tan drásticas como as de Irixoa, aínda que tampouco oculta a súa preocupación.