“Non contamos con recursos suficientes para realizar o noso traballo e prestar un servizo digno ás mulleres que se achegan en busca de axuda”

Montserrat González, presidenta de Asocim

A Asociación de Profesionais dos CIM de Galicia (ASOCIM) vén de renovar a súa equipa directiva con Montserrat González á fronte. González, avogada e directora do Centro de Información á Muller de Bueu, pasa de ocupar a secretaría da entidade á presidencia, posto que ata o de agora era ocupado por Margarita de la Calle, responsable do CIM da Estrada. Á vicepresidencia súmase Mª Jesús Lourido e á secretaría Lucía Núñez. Na vicesecretaría, tesourería e nos cargos de vogais repiten Patricia Lores, Paula Tenorio, Ana Belén Fernández e Ana Álvarez, respectivamente.

Montserrat González mantén a liña de traballo que desde o 2015, ano de fundación da entidade, se leva desenvolvendo desde ASOCIM. “A prioridade segue a ser a defensa e representación dos intereses das asociadas e asociados, a promoción do recoñecemento das/os profesionais dos CIM, a consolidación dos postos de traballo dentro da administración local, tendo en conta que a súa financiación con fondos europeos remata este ano, e a mellora da calidade dos mesmos. Así como reivindicar o reforzo dos CIM que xa existen, en función das súas circunstancias particulares e necesidades; pois non é o mesmo un Centro de Información da Muller nunha cidade que nunha pequena vila”, asegura a nova presidenta da asociación.

Sodes unha asociación que agrupa profesionais dos CIM, mais, que servizos ofrece un CIM?

Os Centros de Información á Muller son centros que prestan un servizo público de carácter gratuíto e que consiste en asesoramento e atención personalizada ás mulleres de carácter xurídico, psicolóxico, orientación profesional e laboral; información sobre os recursos existentes (axudas prestacións, etc), tamén traballamos para sensibilizar á cidadanía sobre a igualdade con campañas e realizamos actividades neste sentido como exposicións, charlas, cursos, obradoiros, xornadas técnicas… e calquera outra acción encamiñada á consecución da igualdade real das mulleres. Tamén estamos nas mesas contra a violencia de xénero e prestamos axuda e atención específica a mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.

Están suficientemente divulgados? E contan con recursos abondo?

Actualmente existen 84 CIM en Galicia que cobren 177 dos 313 concellos que temos na comunidade pero existe moito descoñecemento entre a xente deste servizo. E destes 177 non están cubertos de forma individualizada, hai CIM mancomunados -que levan moitos concellos-, así que non existe un CIM para cada concello. A cidadanía en moitos casos non saben que existe o CIM ou non coñecen os servizos que se prestan nestes espazos, hai que facer unha aposta decidida para dar a coñecer os CIM en todo o territorio.

Sobre a segunda cuestión, non, non contamos con recursos suficientes para realizar o noso traballo e prestar un servizo digno ás mulleres que se achegan en busca de axuda, información ou apoio. Temos unha enorme carga de traballo e o decreto que rexe os CIM establece un mínimo de dúas profesionais, avogada e psicóloga, que non son suficientes para facer fronte ao volume de traballo que manexamos cada día.

Cales son os retos de ASOCIM daquela?

Desde a nosa fundación como asociación en 2015 reclamamos unha mellora laboral para o persoal técnico dos CIM. Pedimos que se reforcen os centros que existen dotándoos de persoal suficiente, que se abran novos centros que ofrezan cobertura a zonas que non contan con este servizo -a situación no rural é preocupante con amplas áreas sen CIM, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense – e reclamamos unha mellor formación para poder estar actualizadas e prestar o mellor servizo posible. Resulta imprescindible mellorar a situación laboral do persoal dos CIM para mellorar a situación das usuarias que atendemos.

Na nosa comarca o CIM ten carácter comarcal e está localizado nun dos concellos máis pequenos, Coirós. Como afecta isto á atención?

O seu CIM abarca unha ampla zona da comarca de Betanzos pero sen coñecer os datos e a situación actual do CIM non aventuro unha cifra de mulleres atendidas. O ideal sen dúbida sería que a cobertura chegase con facilidade, e neste sentido podemos falar do acceso, a tódalas mulleres que así o precisen. Existe toda unha xeración de mulleres, as maiores de 65 anos, que non teñen recursos propios e que para desprazarse dependen da parella ou da familia ou de medios de transporte público, isto xa supón unha barreira enorme para que poidan achegarse ao seu CIM de referencia.

O goberno local de Betanzos asegurou que pedira, primeiro un CIM para a localidade, e logo o traslado do que hai na comarca para a vila. Cantos CIM farían falta para dar o mellor servizo?

Se dúbida hai que crear estes espazos atendendo á racionalidade e a necesidade das mulleres. No tocante a Betanzos habería que estudar a situación actual para poder ofrecer o mellor servizo posible ás mulleres que o necesiten.

Son tempos preelectorais e tiveron xuntanzas con varios grupos parlamentarios. Que lles piden? Que botan en falta das súas declaracións?

Parte da equipa directiva de ASOCIM.

O ano pasado mantivemos reunións con En Marea, o Partido Popular, o PSdeG-PSOE e o BNG. Con todos eles falamos da situación dos CIM e achegámoslles o resultado dunha enquisa interna que levamos a cabo entre o persoal técnico destes centros para coñecer a súa situación laboral. Malia as boas intencións que se nos trasladaron naquelas xuntanza non vimos cristalizar ningunha das nosas reivindicacións.

E que lle demandan ao próximo goberno?

Unímonos a Axenda Feminista Galega, un manifeesto asinado por varios colectivos feministas que recolle as reivindicacións en materia de igualdade en Galicia para presentar aos partidos políticos de cara as vindeiras eleccións autonómicas. Son 25 reivindicacións entre as que destacan o destinar o 0,5% do orzamento consolidado da Xunta de Galicia (sen ter en conta as achegas o Pacto de Estado) ás políticas específicas para a igualdade de oportunidades; implementar un sistema de seguimento, control e avaliación de impacto real das actuacións financiadas cos fondos propios da Xunta e os que proceden do Pacto de Estado; o tratamento da violencia de xénero como terrorismo machista; aplicar de forma íntegra a Lei 11/2007 de tratamento integral da violencia de xénero ou crear desde a Xunta unha verdadeira Rede de Centros que sexa a garantía dun servizo integral ás mulleres nos 313 concellos galegos.

No 8 de marzo abundan as campañas máis ou menos profundas de entidades e institucións sobre a igualdade. Mantense ese discurso nos feitos o resto do ano?

Non. E sen ánimo de criticar o exemplo máis claro son os medios de comunicación. Durante esta semana recibimos moitas peticións de entrevistas e estivemos presentes en varios medios pero o resto do ano é complicado que as nosas informacións aparezan. Nos días como o 8 M ou no 25N escoitamos moitas promesas, vemos moitas campañas pero o resto do ano somos as que estamos a pé da rúa, as que acompañamos ás mulleres vítimas da violencia de xénero, as que sufrimos as consecuencias dun traballo que pasa factura emocional e para o que non contamos cos medios suficientes e, lamentablemente, cando pedimos e intentamos visibilizar esta realidade estamos soas. Iso si, nos últimos anos notamos unha maior sensibilidade social e mobilización, tamén nos medios, pero precisamos a axuda de todos e todas para loitar contra a violencia de xénero e pola igualdade. Precisamos máis medios materiais, profesionais e económicos.