Vázquez Faraldo anuncia que “estrea” unha fraga de ribeira no Xarío tras colocar paneis

O goberno de Miño nun intre da “estrea” da fraga de Xarío

Entre a praia Grande de Miño e Costa Miño Golf o río Xarío serpentea ata dar no Baxoi uns metros antes da súa desembocadura na “punta” do célebre areal do municipio. Ao seu carón brota, desde tempo inmemorial, un bosque de ribeira, de salgueiros, bidueiros, freixos e amieiros, mais tamén, nas partes máis altas, con castiñeiros.  Unha zona que, en parte, compón agora unha masa forestal pública de 58 000 metros cadrados.

Nela, o Concello acaba de realizar traballos de acondicionamento e sinalización do entorno. A finalidade dos mesmos é que ademais de aproveitar a riqueza paisaxística da contorna do Rio Xario, esta área verde servirá á súa vez de conexión entre Costa Miño e a praia grande a través dunha senda”, sinala o goberno local.

Trátase do parque máis grande do municipio, cun importante déficit de zonas verdes en relación coa superficie construída e está incluído na zona de transición da Reserva da Biosfera. Neste lugar poderanse atopar especies de flora autóctonas, como castiñeiros, bidueiros e freixos.

As intencións do executivo local son que, a medio prazo, esta área verde estará pensada para a práctica deportiva e de lecer, coa creación dun circuíto para realizar competicións pedestres ou de vehículos das dúas rodas, esencialmente bicicletas.

Todo isto foi lanzado ao aire polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo e o seu equipo na “estrea” da vella fraga de ribeira. Faraldo quixo destacar que “estamos encantados co traballo que se fixo aquí, e ten un potencial tremendo”, destacou. Desde o Concello de Miño, destacan que “ademais de aproveitar a riqueza paisaxística da contorna, que é moi rica, esta área verde servirá á súa vez de conexión entre Costa Miño e a praia Grande”, sinalan.