O goberno local de Miño asegura que a praia de Lago é apta para o baño

O alcalde de Miño e un edil con Feijóo

O Concello de Miño anunciou onte que a praia de Lago xa é apta para o baño. Tras as últimas analíticas realizadas e logo de que a Xunta desaconsellara o baño a causa da alta concentración de bacterias fecais no entorno, agora volve entrar dentro das marxes toleradas.

A analítica do 27 de agosto amosaba 1400 unidades de escherischia coli por cada 100 mililitros de auga, cando o máximo permitido é de 1000, e na mostraxe anterior, do 12 de agosto, daba un resultado case no límite, con 880 unidades de coliformes.

A analítica que esgrime o goberno de Miño, porén, non figura na relación das realizadas pola Xunta e os seus resultados non están publicados.

Por outra banda, o goberno local miñense anunciou tamén que o Servizo de Salvamento e Socorrismo estará operativo nas praias do municipio ata este domingo día 8 de setembro.