O goberno local de Miño anuncia a mellora das conexións móbiles tras despregarse no municipio o 4G

As operadoras de telefonía móbil, Telefónica, Vodafone e Orange, anunciaron que durante esta semana continúan en Miño co proceso de implantación dos servizos 4 G na banda 800 MHz para o que xa se acendeu un novo nodo. “A nova tecnoloxía, permite gozar de conexións móbiles de alta velocidade sobre tecnoloxía LTE (4 G) cunha mellor cobertura no interior dos edificios e maior alcance xeográfico” salienta o goberno local nun comunicado de prensa.

Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), Chega800 é a entidade posta en marcha polos operadores para solucionar calquera afectación na recepción do sinal de televisión.  O despregamento tecnolóxico arrincou en Miño nesta semana e xa se acendeu un nodo que dará cobertura a todo o municipio.

O despregamento 4 G enmárcase nos establecido no Real Decreto 805/2014, do 19 de setembro, con data 1 de abril de 2015 no que se procedeu á liberación das frecuencias entre 790 e 862 MHz (canles 61 ao 69 de UHF) que ata entón empregábanse para a recepción da Televisión Dixital Terrestre, proceso tamén coñecido como Dividendo Dixital. A partir de entón, ditas frecuencias foron asignadas ás operadoras de telefonía móbil para prestar os seus servizos de telefonía móbil 4 G.

“Coa rede 4 G abriuse a porta a innovadores servizos e aplicacións, ademais de proporcionar significativas melloras tanto na velocidade de descarga, como de envío de datos -fotos, música ou contidos audiovisuais de alta definición- ou permitir sacar o máximo partido a aplicacións en liña, como os videoxogos” asegura o goberno local nun comunicado.

“A rede 4 G de telefonía móbil introduce dúas melloras fundamentais. A primeira é a solvencia dos diversos problemas relacionados con orografías complicadas presentes na xeografía española onde tradicionalmente fallaba a cobertura. A segunda, é a gran penetración en zonas interiores dos edificios” abonda.