O BNG pide que o goberno se reúna cos hostaleiros e o pequeno comercio para informar sobre as normas que entran en vigor hoxe luns

Unha rúa de Miño

O BNG de Miño  reclamou onte que o goberno local, ben a través do seu alcalde ou da Concellería de Turismo, se reúna o antes posible cos representantes dos hostaleiros e do pequeno comercio para podelos asesorar sobre as novas normas e medidas que deberán aplicar a partir de hoxe luns coa entrada na seguinte fase da “desescalada”. As nacionalistas lembran que “o sector da hostalería é fundamental nun concello como o noso onde o turismo é o motor principal da nosa economía”.Neste sentido destacan que noutros concellos xa se está realizando este asesoramento.

Ademais os concellos teñen potestade para permitir que os bares e restaurantes poidan incrementar a superficie dedicada  a terrazas e o número de mesas, sempre que se incremente tamén o espazo peonil e se garden e respecten as medidas hixiénico sanitarias establecidas pola nova normativa.

Desde O BNG instaron ao goberno do PSOE e o seu alcalde Manuel Faraldo que tomen nota das reclamacións dos hostaleiros e do momento tan delicado que están a atravesar e se poñan a súa disposición para facilitar no posible a adaptación e a  posta  en marcha desta nova etapa que empeza hoxe luns.