Miño recupera o Enterro da sardiña na súa programación para o entroido

Entroido de Samede, o único entroido tradicional da comarca. Foto do blog do Entroido de Samede

O Concello de Miño programa para o Entroido 2020 multitude de actividades, entre as cales se atopa como principal novidade a volta á celebración do ‘ Enterro da sardiña’. Instalarase unha carpa na contorna de Rabazal, e as celebracións comezarán o día 22 de febreiro, cunha verbena amenizada pola orquestra Suavecito. No descanso do recital, terá lugar o desfile de disfraces para que o xurado poida valorar a súa presentación e posta en escena.

En categoría individual, haberá tres premios. Ao primeiro clasificado faráselle entrega de 100 euros, ao segundo 75 euros e ao terceiro 50 euros. Na categoría grupal, o primeiro premio serán 300 euros, o segundo 250 euros, o terceiro 200 euros, o cuarto 150 euros e o quinto premio, 100 euros.

O domingo 23 de febreiro haberá unha festa infantil, con discoteca móbil, talleres e xogos tradicionais. Como principal novidade, destaca a volta á celebración do ‘ Enterro da sardiña’, o día 26 de febreiro a partir das 17:30 horas. Haberá actividades para os máis pequenos con inchables, e un tren infantil.

A data límite para presentar solicitudes é o 21 de febreiro ás 14:00 horas, no Rexistro de Entrada do Concello de Miño en horario de 8:30 horas a 14:00 horas, e segundo o modelo normalizado que se atopa dispoñible na páxina web do Concello.

As características dos disfraces quedan totalmente abertas á imaxinación das persoas participantes, e poderán acompañarse dos elementos e complementos que cada cal crea convenientes, sempre que teñan cabida no espazo destinado para o desfile. Nos casos de participantes con mobilidade limitada, habilitarase unha zona diante do escenario.

O xurado propoñerá motivadamente á concellería os premios para cada categoría. O resultado farase público ao final do concurso, e será inapelable. Os criterios de valoración serán de 20 puntos, desagregados da seguinte maneira: dificultade de elaboración, ata 5 puntos. Orixinalidade, ata 5 puntos. Caracterización, ata 5 puntos. Posta en escena, ata 5 puntos.