Miño busca un acordo cos expropiados cunha quita no que lles adebeda

Imaxe de Costa Miño Golf

Esgotada a vía dos recursos aos sucesivos fallos xudiciais, xa que o Concello renunciou a recorrer o último pago que ordenaba o pago inmediato dos xuros pendentes, Miño busca un acordo extraxudicial cos expropiados por Fadesa para adiar o pago da débeda.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, mantivo unha reunión cos representantes legais dos expropiados para explorar a posibilidade do acordo.

A proposta do executivo do PSOE é saldar a débeda na primeira metade do vindeiro ano a cambio de que os expropiados renuncien a percibir o importe das costas dos procesos- que recaeron no Concello- e aos xuros de penalización novos, que se computan desde a notificación das primeiras sentenzas a finais de 2018.

E todo sempre e cando o goberno español amplíe a devolución do préstamo para cubrir os 15 millóns de euros do principal, para o cal o executivo de Pedro Sánchez exixe un plan de axuste con todas as medidas que garantan o pago do importe nos prazos que se marquen.

Os expropiados levan 16 anos xa nos tribunais para percibir o prezo xusto duns terreos que lles foron expropiados a valor de rústico e sobre os que se levantou o que pretendía ser unha urbanización que dobraría o censo da localidade.