Miño asina un convenio con ASEM para difundir e sensibilizar sobre as patoloxías neuromusculares

O Concello de Miño asinou un convenio coa ASEM para difundir e sensibilizar sobre as patoloxías neuromusculares en todo o municipio. O acordo fíxose efectivo esta mesma mañá e acudiu ao acto un directivo da asociación, Domingo Presas, en representación da mesma.

ASEM Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro, declarada de utilidade pública, e o seu principal obxectivo é promocionar toda clase de accións, apoio, asesoramento e servizos destinados a mellorar a situación e a calidade de vida das persoas afectadas por unha enfermidade neuromuscular e/ou rara, das súas familias e de todo a contorna social.

Así, o Concello de Miño establece esta colaboración para axudar a ASEM na promoción das súas actividades, e para difundir e sensibilizar destas patoloxías a todas as veciñas e veciños. Tamén pon ao dispor da asociación as instalacións e equipos municipais a custo cero para realizar charlas, coloquios, eventos, galas e presentacións.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, quixo destacar que “este acordo é moi positivo, porque non sempre somos coñecedores de patoloxías como estas, e tampouco do traballo desinteresado que fan as persoas como as que conforman ASEM Galicia. Sempre mostramos nosa plena disposición a colaborar con iniciativas como esta, que ademais cremos que son positivas para a totalidade da sociedade miñesa”, sinalaba o rexedor.