Miño arranca mañá uns festexos de San Pedro marcados pola distancia social

Cucaña nas festas de Miño, foto do concello

O Concello de Miño prepara a celebración do San Pedro coa mirada posta na seguridade. As actividades comezarán mañá, sábado 27 de xuño, ás 10:00 horas coa sesión de lumes. Esa mesma mañá haberá pasacalles cos gaiteiros e pandereteiras da ACRD O Castro, e unha batucada ás 13:30 horas cos Kilomberos de Monte Alto. Ás 20:00 horas está prevista a tradicional cucaña no Porto de Miño e ás 21:30 horas haberá música en Movemento coa actuación do Dúo Deluxe.

O domingo 28 de xuño será o ‘Día dás familias’ na pista deportiva de Rabazal. Está prevista ás 13:00 horas a actuación da compañía Circo Chosco, e ás 20:30 horas a compañía Psícore fará as delicias de grandes e pequenos co espectáculo ‘Concerto con Fusión’.

Xa o luns, xornada que pechará estas particulares Festas de San Pedro, volverá ter lugar ás 10:00 unha sesión de lumes. Ás 11:00 horas haberá un desfile de gaiteiros e cabezudos co grupo Vos Viqueiras, e ás 12:30 horas prevese que teña lugar a misa de San Pedro.

Xa pola tarde, a extensa programación musical arrincará ás 13:30 horas na praza do Parchís con Chus Lestayo, cuxo espectáculo servirá de homenaxe para a cantante á que tantos veciños alegrou a súa voz durante o confinamento. Ás 20:30 horas, actuación musical de Astrogirl, e xa ás 22:30, o Grupo Maracaibo. O fin de festa poñerano a sesión de fogos artificiais, que se poderán ver desde todo Miño, a partir das 23:30 horas.

Desde o Concello, inciden na ‘importancia en todo momento de seguir as recomendacións sanitarias. Haberá xel hidroalcóholico ao dispor das persoas que acudan ás actividades, así como establecerase como obrigatorio o uso de máscaras. Apelamos á responsabilidade, son unhas festas distintas e temos que ser consecuentes con iso’. Aproveitaron tamén para destacar que ‘estas celebracións serven para conmemorar de maneira especial aos nosos pequenos e maiores, que tanto sufriron polo covid-19’, aseguran.