Miño amplía a traída en Leiro

O Concello de Miño levará a cabo nos próximos días as obras para abrir un novo tramo da rede de abastecemento de auga en Leiro, concretamente na marxe esquerda da N-651. Intervirase nun espazo de case medio quilómetro, no que se instalarán varias válvulas de comporta -peza mediante a cal se controla o paso de auga- e unha boca de rega.

Dedicarase unha partida de 11.000 euros para tal fin, e as obras comezarán esta semana. Así, constátase que para o goberno local é unha prioridade que todas as vivendas de Miño teñan os servizos de rede de sumidoiros e abastecemento de auga. En Leiro completarase, con esta intervención, que este servizo sexa cuberto en todo o tramo de vivendas.

O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, adianta que “para nós, é unha prioridade que os servizos de saneamento e abastecemento de auga cheguen a todas as vivendas do municipio. Neste sentido, nos próximos meses executaranse outras obras de novas redes de saneamento na Prata e en Bemantes”, anuncia o rexedor.