Miño acorda concertar outro préstamo por 6,6 millóns para pagar a expropiados

Pleno telemático de Miño, Imaxe do Concello

O Pleno de Miño acordou por unanimidade a formalización da operación de préstamo con cargo ao Fondo de Ordenación 2020 por importe máximo de 6.647.579,34 euros para o pago de sentenzas xudiciais firmes aos expropiados da macro urbanización FADESA.

“Unha vez tívose a confirmación da concesión destes case 7 millóns de euros, tan só falta que sexan abonados aos expropiados, e como comentamos en anteriores comunicados de prensa, está previsto que sexa a mediados de xuño” explica o consistorio nun comunicado. O préstamo é a 10 anos, con dous de carencia, por tanto comezarase a amortizar no ano 2023, e a partir de aí terían que devolverse as cotas.

O alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, quixo “agradecer ao Ministerio de Facenda a concesión deste préstamo”, e sobre todo, tamén “aos expropiados, que coa súa xenerosidade e a súa boa disposición permitiron que o goberno local chegue a un acordo con todas e todos eles/ as, renunciando a cobrar a recarga dos intereses sen o cal non sería viable esta operación.”

Faraldo declarou que “con este préstamo termínase un conflito de 18 anos. Os expropiados tiveron que acudir en cadea a todo tipo de tribunais, gañando sentenza tras sentenza.” O que evitamos con este acordo é que “a débeda siga crecendo, e o que buscamos agora é que o Ministerio axilice os trámites para que os afectados poidan cobrar esta cantidade que foron concedidas por parte do Ministerio”, sentenciaba o rexedor.