Feridas dúas mulleres nun choque entre catro vehículos en Miño

Imaxe de arquivo dun accidente na N-651

Dúas persoas, ambas mulleres, resultaron feridas nun accidente rexistrado na mañá de onte no termo municipal de Miño na N-651 nunha colisión múltiple na que se viron implicados catro turismos. Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, unha muller tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Betanzos ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados neste accidente.

O sinistro tivo lugar sobre as 08.15 horas do pasado martes. Varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar dun accidente na estrada que une os municipios coruñeses de Miño e Ferrol, á altura do punto quilométrico 10 da N-651, con varios vehículos implicados.

Por iso, os xestores de emerxencias do 112 Galicia requiriron a intervención de profesionais sanitarios, dos Bombeiros de Betanzos e dos axentes da Garda Civil de Tráfico e Policía Local. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos voluntarios de Protección Civil da localidade e do persoal do servizo de mantemento da estrada.