Faraldo usa o adiamento da débeda de Miño que lle concede o goberno en funcións para a campaña do PSOE

Faraldo e o voceiro do PSOE na Deputación facendo o anuncio. Foto do PSOE

Na sede do PSOE, co logotipo do PSOE, chapas co lema electoral do PSOE e a carón do portavoz do PSOE na Deputación un día antes de que remate a campaña na que o PSOE se xoga reter o goberno español. O líder do PSOE de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, actualmente rexedor, anunciaba desta guisa o adiamento no pago da millonaria débeda do consistorio, concedido no treito final da campaña polo Ministerio de Facenda. O goberno español en funcións pretexta, para outros cometidos como actualizar as retribucións dos funcionarios, precisamente que en funcións non pode adoptar determinadas decisións. Pero acordou, xustamente esta semana, ampliar dez anos máis a devolución dos empréstitos que Miño solicitou para afrontar as expropiacións de Costa Miño Golf.

Así, ata 2038 Miño terá prazo de devolución dos dous empréstitos solicitados ao propio Estado a fin de saldar a débeda principal cos expropiados pola urbanización Costa Miño Golf. Ambos créditos, de 14 millóns de euros, xuros aparte, serán agrupados nun único empréstrito. A manobra supón que Miño teña 3 anos máis de carencia, ata 2021, e pase a pagar 701 103 euros ao ano, fronte aos 1 556 109 euros actuais.

Faraldo, acompañado do voceiro do PSOE na Deputación, o alcalde de Pontedeume Bernardo Fernández, vestiu como un grande logro negociador este acordo e remarcou, a un par de días da cita coas urnas, o “compromiso” do goberno español. “Éxito rotundo” foi o cualificativo, reiterado, que aplicou ao anuncio que, asegura, aliviará “a carga que os veciños tiveron que asumir pola neglixente actuación dos gobernos do PP”.

No acto anunciou, ademais, que pedirá ao Estado un terceiro empréstito para afrontar os xuros de mora de todos estes pagos, que continúan medrando en tanto a débeda non se paga. Os novos empréstitos, á súa vez, devengarán cadanseus xuros, co cal o furado seguirá a medrar. O voceiro do PSOE na Deputación avanzou que, de ser por eles, a Deputación asumirá as cotas deste terceiro empréstito se Miño se compromete a devolver a contía ao ente provincial en 20 anos. Debería ter o visto bo da Xunta, pero Faraldo asegura que “espero que acceda” xa que, asegura, o Goberno galego ten parte de responsabilidade na crítica situación financeira de Miño por non supervisar adecuadamente este desarrolllo urbanístico.

Consultado sobre a coincidencia deste importante anuncio en plena campaña electoral, Bernardo Fernández e Manuel Faraldo negaron intereses electoralistas, malia presentalo en sede do PSOE, con rótulo do PSOE e co lema de campaña do PSOE. “O Ministerio de Facenda acapa de aceptar a solicitude, a noticia é de agora, pero lamento que coincida en período electoral”, escusouse o rexedor.