Faraldo será alcalde sen dedicación exclusiva, que reserva para as súas edilas

Manuel Vázquez Faraldo é o alcalde de Miño

Manuel Vázquez Faraldo fixo público o organigrama do goberno municipal de Miño, que será aprobado no pleno grazas á maioría absoluta con que conta o PSOE.

O rexedor estará sen dedicación exclusiva, ao contrario que o seu predecesor, e dirixirá persoalmente as áreas de Economía, Facenda, Seguridade Cidadá e Protección Civil. Faraldo renuncia así a deixar a súa actividade profesional como responsable da área económico-financeira na Autoridade Portuaria de Ferrol e profesor no campus de Ferrol.

Dúas exclusivas e tres parciais

Dúas dedicacións exclusivas e tres parciais sumarán 86 480 euros de salarios, sen incluír Seguridade Social. En 2015 o alcalde e o tenente de alcalde sumaban 67 214 euros.

Catalina Morado será a primeira tenente de alcalde e ademais concelleira de Educación, Cultura, Comunicación, Participación Cidadá e Transparencia. Será unha das dúas dedicacións exclusivas, cun soldo de 23 500 euros brutos anuais en catorce pagas.

A segunda tenenta de alcalde será Emma González, ao cargo das áreas de urbanismo, Réxime Interno, Persoal e Atención ao Cidadán. Recibirá como salario 17 625 euros por unha dedicación parcial do 75% do horario.

Yolanda Bello, terceira tenenta de alcalde e concelleira de Servizos Sociais, Benestar e Emprego, percibirá a outra dedicación exclusiva, cun salario tamén de 23 500 euros. José Manuel Pantín cobrará 14 100 euros brutos anuais por unha dedicación parcial do 60% como concelleiro de Turismo, Deportes, Promoción Económica e Tecido Asociativo.

Elena Lage Suárez percibirá unha dedicación parcial do 33%como responsable de Medio Ambiente, Zonas Verdes, Praias e Servizos Sociais, cun soldo de 7755 euros.

Completan o equipo de goberno Santiago Gómez, responsable de Novas Tecnoloxías e Sociedade Dixital, Mariña Varelam, edila de Igualdade, e Agustín Sanz Horcajo, concelleiro de Obras, Infraestruturas e Contratación e cuarto tenente de alcalde..

Mesma asignación por asistir a pleno e para os grupos

Os concelleiros sen ningún tipo de dedicación cobrarán 80 euros por asistir a pleno, que serán cada dous meses menos en agosto, comisións informativas e xuntas de goberno. Os plenos serán ás 19 h en inverno e ás 20 h nos meses de verán.

O Concello ademais pagará 200 euros anuais a cada grupo político e outros 150 euros por cada edil do grupo.

No pleno de mañá aprobarase pasar competencias do pleno á Xunta de Goberno e crearanse as comisións informativas permanentes e a comisión especial de contas.