Eliminado un punto de vertido de augas residuais nas marismas do Baxoi

A praia grande de Miño e o esteiro do Baxoi

O Concello de Miño reparou un punto de vertido de augas residuais na ría de Betanzos, localizado durante os labores de inspección rutineira do persoal do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia.

As achegas contaminantes, de orixe fecal, localizáronse na marisma do río Baxoi, no lugar de Telle, mediante a realización dun control analítico das augas vertidas ao dominio público. Tras a notificación de Augas de Galicia, o Concello procedeu á eliminación da vertedura a través da revisión da rede de pluviais, na que se detectaron filtracións procedentes da rede de saneamento, que foron reparadas.

Augas de Galicia comprobou, nun control analítico dunha inspección de seguimento posterior, a ausencia de emisións contaminantes no punto final da vertedura, polo que consideran que as medidas aplicadas “resultaron efectivas para emendar a vertedura”.