Desestimado o recurso xudicial do PSOE contra o asesor para o alcalde de Miño

Manuel Vázquez Faraldo é o voceiro do PSOE de Miño

O Xulgado Contencioso Administrativo número 3 da Coruña desestimou o recurso interposto polo PSOE pola contratación dun asesor por parte do goberno municipal miñense.

Os socialistas opuxéronse á creación desta praza, cun soldo de 21 000 euros ao ano. Logo de alegar e reclamar no concello optaron por recorrer aos xulgados, alegando que o executivo incumpría as normas que regulan a figura do persoal eventual ao non informar do perfil, funcións, categoría e preparación técnica do contratado.

“O pleno aprobou a proposta do alcalde, que razoou que era necesaria esta praza para asesorar ao órgano de goberno; é verdade que non realizou maiores descricións, pero considera este xulgador que non era necesario precisalas se as normas referidas xa recollen de forma expresa o alcance e ámbito das súas funcións asesoras”, asegura o xuíz no fallo.

O PSOE asegura que o recurso xudicial era “para evitar este gasto innecesario ao pobo”. Resultou condenado en costas, que roldan os 400 euros.