A Deputación destina 204 783 euros á renovación do campo de fútbol de Gallamonde, en Miño

Xosé Regueira (esquerda) e Valentín Formoso, vicepresidente e presidente da Deputación respectivamente

A Deputación da Coruña investirá 204.783 euros nas obras de renovación do campo de fútbol municipal de Gallamonde, en Miño, dotándoo dun novo terreo de xogo de céspede artificial de última xeración e sistema de rego.

A institución provincial financiará o 100% do investimento a través dun convenio co Concello de Miño que vén de ser aprobado na comisión de Deportes e que será referendado definitivamente polo pleno provincial mañá venres.

O campo de fútbol de Gallamonde acolle actualmente adestramentos e partidos oficiais de nove equipos locais de diferentes categorías e idades, pero presenta un estado deficiente debido ao desgaste da fibra do terreo de xogo, con 13 anos de uso.
O campo manterá as súas dimensións actuais (104 x 66 metros) e marcarase para a práctica do fútbol 11 en sentido lonxitudinal e con dous campos de fútbol 7 en sentido transversal.

As obras contemplan tamén a substitución da rede de rego existente, mediante unha nova instalación de canóns de auga longo alcance situados nas esquinas e na metade do campo.