Miño, Curtis e Abegondo recibirán axudas para recuperación do patrimonio natural

A Consellería de Medio Ambiente publicou onte a resolución dos concellos beneficiarios da orde de axudas para a realización de estudos e investimentos vinculados á recuperación do patrimonio natural que forma parte da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia. Na nosa comarca obtiveron axudas os municipios de Curtis, Abegondo e Miño, que lograron un total de 66.734,87 euros.

A orde enmárcase nas axudas recollidas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2014-2020 e está cofinanciada con fondos europeos. O proxecto que desenvolverá Curtis será de concienciación ambiental e Miño optou pola mellora das condicións ecolóxicas, ambientais e paisaxísticas do río Xarío. Mentres tanto, o Concello de Abegondo realizará unha proposta de mellora do un camiño en Orto de Arriba.

O Concello de Betanzos, como acontecera con outra axuda da Deputación para actividades ambientais, non solicitou esta axuda.