Máis de setenta concellos súmanse á campaña da área de Igualdade da Deputación contra a violencia machista

Máis de setenta concellos da provincia sumáronse xa a “DE FRONTE á violencia de xénero” que a área de Igualdade da Deputación da Coruña organiza arredor do 25N. A deputada María Muíño quere que sexa un “movemento social” para poñer fin ao feminicidio. A maioría das actividades da campaña “De Fronte á violencia de xénero” están xa operativas para a súa difusión social, entre elas, o programa de conferencias en liña, a actividade para todas as idades de narración poética con origami ou o Desafío poético en redes sociais.

A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que recolle os recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades. A campaña busca plantarlle cara ao feminicidio e implicar á sociedade para “non mirar para outro lado” e sumar forzas para a súa erradicación na data en que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O programa de actividades apela, neste sentido, directamente á implicación social e, desta maneira, faise unha chamada á participación de entidades e centros de ensino como ferramentas para concienciar á sociedade e para sumarse aos 72 concellos que a día de hoxe participan na campaña. “O obxectivo é que a sociedade se conciencie de que ninguén pode estar impasíbel fronte ao feminicidio. Non vale mirar para outro lado, agochar a mirada e dar á volta á esquina para pasar por riba do problema. Á violencia machista temos que poñerlle freo de cara, de fronte, mirando directamente e buscando solucións, concienciándonos da súa gravidade e poñéndonos da parte das mulleres”, explicou a deputada de Igualdade, María Muíño dunha campaña que, por causa da pandemia, se desenvolverá maiormente a través da rede.

A Deputación apostou por primar na imaxe os ollos que miran directamente co lema “DE FRONTE á violencia de xénero” que se repetirán nunha campaña nos medios de comunicación e tamén en diversos soportes de difusión, entre eles, algúns que convidan a participar activamente na iniciativa incorporando os ollos propios á imaxe e difundindo o resultado nas redes sociais.

Ademais, con esta actividade procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia machista, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade.

Entre os seus obxectivos atópase a sensibilización social fronte á violencia machista, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.

Desta maneira, o proxecto responde a medidas do Plan de acción das políticas de igualdade de xénero da provincia da Coruña (2019-2023) no que se recolle como obxectivo a “creación dunha rede de Concellos pola igualdade e contra a violencias machistas na provincia da Coruña”, polo que os municipios que se sumen comprometeranse a un decálogo que inclúe políticas activas contra o machismo

Programa de actividades

Entre as actividades que forman parte do programa desde o 4 de novembro vanse publicando en liña e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

Para públicos de todas as idades, terá lugar entre o 9 e o 15 de novembro unha actividade guiada por Palmira Castro de narración poética que incluirá unha acción colectiva de origami nas redes sociais. “Sira e a illa” é o título da proposta que se manterá na rede durante seis días e poderá ser unha ferramenta de achegamento e concienciación en centros de ensino e outras entidades.

“Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas para nenas e nenos, estará tamén en aberto do 23 ao 29 de novembro e do 4 ao 26 de novembro pódese participar no Desafío poético, un concurso que consistirá en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non, con premio en compra de libros nunha libraría.

A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades. Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas. Máis información: defronte.gal