O poeta novel Sergio García Coira presenta o seu primeiro poemario “Amantes” en Irixoa

Capela de San Cosme, no monte de San Antón, en Irixoa

O pasado sete de agosto presentou a súa opera prima, o poemario de amor Amantes, o escritor novel de Irixoa Sergio García Coira e estudante do CPI Virxe da Cela, no restaurante O Garfo, na capital de Irixoa, cunha grande asistencia de público de todas as idades. O autor leu extractos dos poemas presentes no libro e asinou exemplares a petición do público.

Este poemario, de título Amantes, é “unha mestura de poemas que expresa todos os sentimentos que o amor aglutina (…). É un rebumbio de sentimentos que afloran dende o máis íntimo: unha obra para todos aqueles que amaron, aman ou amarán.”

O feito de que esta obra sexa posible debémoslla sen dúbida en gran parte á boa laboura do centro educativo Virxe da Cela, o cal xa demostrou o potencial da rapazada das nosas parroquias coa Radio CPI Virxe da Cela, un proxecto educativo que comezou no 2013 como un obradoiro en habilidades comunicativas e que, anos despois, continúa en pé grazas ao bo enxeño e a dedicación colectivas do profesorado xunto cun alumnado de moita entrega.