Falece tras caer por un noiro no seu tractor en Irixoa

O 112 Galicia informou onte da morte dun home que circulaba cun tractor pola estrada que une Miño con Irixoa. Pouco antes das cinco da tarde un particular alertaba á central de emerxencias dun accidente de tractor na estrada de Areas a Miño, no lugar da Cruz, pertencente á parroquia de  Ambroa.
Segundo o aviso, o condutor estaba atrapado tras envorcar o vehículo ao caer por un terraplén. O 112 mobilizou ao 061, aos  Bombeiros de Betanzos e á Garda Civil. Ata o lugar tamén se desprazou un helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela. Os efectivos desprazados ata o punto do sinistro só puideron confirmar o falecemento do condutor.
A vítima mortal tiña 54 anos, era veciño do centro de Irixoa. Debido á situación e co fin de prestar apoio aos familiares da vítima, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias.