Irixoa gastará o POS en pavimentar 14 camiños

Antonio Deibe, do PP, é o alcalde de Irixoa

O Concello de Irixoa licita, por un total de 124.231 euros, dúas obras de mellora da pavimentación que financia a Deputación da Coruña a través do seu Plan Único. En total, actuarase en catorce camiños e máis de 4.500 metros da rede viaria das parroquias de Irixoa, Coruxou, Churio, Verís, Ambroa, a Viña e Mántaras, co obxectivo de reparar foxos, fochancas, mordentes e outras deficiencias na capa de rodadura, mellorando así a seguridade viaria.

O primeiro dos proxectos que saen hoxe a licitación conta cun orzamento de 73.893 euros, e afectará aos camiños de Eirixa de Coruxou, a estrada de Cela (Coruxou), Penedo (Churío), Altos de Verís, Manide (Verís), e os viais municipais de Peixoanes, O Penedo, Aira Vella e Irixoa-Igrexa-Casa Sastre, todos eles na parroquia de Irixoa. Tamén se pavimentará o campo de usos múltiples de Altos e Verís e a súa pista de acceso. Doutra banda, o Plan Único tamén destina 50.338 euros a outro proxecto que comprende os camiños de Chao da Viña a As Esfoladas (A Viña), Vilar da Viña (Ambroa), de Cela ao límite municipal co concello de Paderne (Mántaras), e de Cal ao límite con Vilarmaior (Ambroa).

As actuacións comprendidas en ambos proxectos inclúen a limpeza das estradas con varredora autopropulsada e a repavimentación mediante mestura asfáltica en quente. Tamén se formarán ou limparán as gabias e se levarán a cabo tarefas complementarias de nivelación e rasanteado naquelas zonas onde sexa preciso.