Irixoa aproba un plan municipal de abastecemento tras a falta de auga destes meses

O Concello de Irixoa

Empuxado polas críticas veciñais, polo rebumbio nos medios de comunicación e espoleado pola oposición, o goberno municipal de Irixoa presentou onte un plan de abastecemento ao pleno. O PP colouno na orde do día da sesión por diante dunha iniciativa do BNG que pedía, precisamente, localizar novos mananciais para garantir o subministro de auga potable ás vivendas, e que fora rexistrada o pasado 1 de decembro.

Os nacionalistas informan que a súa representante, Rosa Rivas, votou a favor deste Plan presentado como consecuencia das demandas do BNG e retirou a moción que figuraba na orde do día do pleno nun punto posterior, que en esencia demandaba as actuacións que o executivo propuxo. Rosa Rivas comprométese coa veciñanza a seguir facendo o labor de control e fiscalización da acción do goberno municipal do PP, cun seguemento do grao cumprimento dese Plan “para que as veciñas e veciños de Irixoa non teñan que padecer novos cortes no subministro de auga”. O BNG agarda que as veciñas e veciños de Irixoa non teñan que padecer de novo a deixadez e mala xestión do goberno do PP neste asunto, que só reaccionou cando o BNG levou ao pleno o malestar da xente.