O Goberno segue estudando se existe causa para reclamar o Pazo de Meirás mentres segue o xuízo en Betanzos

Ocupación simbolica de Meirás hai un ano

Guirao, Ministro de cultura, explicou onte nunha rolda de prensa que se empezou a estudar o ditame e nas conclusións verase se procede reclamar e “como se canaliza esa causa”. En calquera caso, Guirao destacou que o propio Feijóo opina que si existe motivo para esta reclamación e iso será porque “hai unha base”, dando por boa a opinión do PP, e instou a esperar o resultado do estudo do ditame para facer unha valoración respecto da recuperación das Torres de Meirás.

O Parlamento de Galicia decidiu por unanimidade hai case catro meses instar á Xunta a enviar ao Goberno do Estado de maneira urxente informes para iniciar unha reclamación da propiedade do Meirás en base a un informe de expertos que sinala que o inmoble se entregou a Franco como xefe do Estado. Feijóo apuntou a este ditame para mostrar o seu acordo co documento porque considera que “hai causa para expor unha acción de reivindicación da propiedade”, e expresou o seu desexo de que se faga “conforme a dereito”.

Continúa o xuízo pola ocupación simbólica de Meirás

Por outra banda, está previsto que esta mañá declaren no Xulgado de Betanzos as catorce persoas que aínda non o fixeron, en relación coa denuncia presentada polos herdeiros do ditador e pola Fundación Nacional Francisco Franco polo acto de ocupación simbólica de Meirás. Ademais, a partir das 11:30 horas realizarase unha concentración “de apoio ás activistas da memoria histórica que participaron na acción simbólica e pacífica” realizada na mañá do 30 de agosto de 2017 para esixir a devolución do pazo ao pobo galego.

Mobilizacións pola casa cornide e Marcha pola devolución do Pazo

Esta é a primeira dunha serie de mobilizacións que se continuarán o sábado na Coruña cunha marcha cívica desde María Pita ata a Casa Cornide, que tamén reclaman aos Franco. Para o día 10 está a organizarse unha mobilización á que acudirán entidades de todo o país entre Sada e o pazo de Meirás: “Marcha pola Devolución de Meirás”.