Galiza Nova inicia unha campaña sobre a historia das Mariñas

María Miramontes é unha das persoeiras incluídas nesta iniciativa

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, comezou unha campaña on line para dar a coñecer as principais personaxes históricas da comarca das Mariñas. “A idea é dar a coñecer a historia da nosa comarca a través da vida das súas protagonistas, moi descoñecidas para unha gran maioría da mocidade”, explicou a responsábel comarcal, Icía Abraira.

A campaña comezará esta semana coa figura de María Miramontes, nacida en Guísamo (Bergondo) e unha das primeiras mulleres integrantes do Partigo Galeguista e tratará tamén as vidas de outras importantes personaxes da historia das Mariñas como o capitán irmandiño Alonso de Lanzós, María a Balteira ou o nacionalista Johan Vicente Viqueira.

“Faremos unhas fichas con preguntas e respostas sobre a súa vida para popularizalas a través da conta de twitter de Galiza Nova As Mariñas. Agora que temos que pasar máis tempo na casa e conectadas ás redes sociais e unha oportunidade para coñecer a nosa historia e poñela en valor”, engadiu a responsábel de Galiza Nova.