Fomento saca a licitación un estudo para valorar as alternativas ao by-pass de Infesta

Estación Betanzos-Cidade. Fotografía da Galipedia

A Subdirección Xeral de Planificación Ferroviaria, integrada no Ministerio de Fomento, adxudicou por 17 500 euros a redacción dun estudo de alternativas para a construción dun ramal de conexión das liñas férreas deA Coruña-León e Betanzos Ferrol. Ese trazado permitiría eliminar o actual enlace de Betanzos-Infesta, que obriga aos trens que circulan entre A Coruña e Ferrol a aumentar en 15 minutos o tempo de viaxe, que agora é de 80 minutos. O estudo analizará as distintas alternativas á construción do by-pass que chegou a figurar mesmo nos orzamentos do Estado no último goberno do PSOE.

Os Orzamentos Xerais do Estado deste ano conteñen partidas por un importe de 4,5 millóns de euros para mellorar as vías entre Ferrol e A Coruña, aínda que ese investimento executarase tamén durante os dous próximos exercicios, xa que para o actual só prevíase destinar 500 00 euros. A esas obras engadiuse a construción da variante de Betanzos cun orzamento doutros 500 000 euros, pero dos que este ano e o seguinte só investiríanse 50 000, xa que o resto estaban reservados para 2019. Números similares véñense incluíndo desde hai décadas nas contas do estado sen que, polo de agora, os executivos españois os fixeran saltar do papel á realidade.

Os trens que saen da Coruña debe circular ata Betanzos-Infesta e desde alí dar marcha atrás cara a Betanzos para poder dirixirse cara a Ferrol, o que atrasa de forma substancial a súa chegada a esa cidade. A supresión desta conexión mediante unha variante é unha das demandas históricas para mellorar a comunicación entre elas, aínda que Fomento, con independencia de que o seu titular fose do PSOE ou do PP, nunca o contemplou. A Plataforma pola Defensa do Tren levou a cabo o sábado unha viaxe reivindicativa entre A Coruña e Ferrol para esixir un “ferrocarril convencional público, social e ao servizo da cidadanía”, de forma que sexa o eixo “vertebrador” desta zona da provincia.