Ferrol incorpórase á Asociación de Concellos do Camiño Inglés

Un peregrino facendo o Camiño Inglés ao seu paso polo Coto

A sede da Deputación da Coruña acolleu unha reunión da entidade na que se aprobou a incorporación formal de Ferrol á asociación, presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás. Con esta incorporación son xa quince os concellos representados na entidade, pendente da próxima incorporación da Coruña, Cambre e Culleredo.

A reunión contou tamén coa asistencia do deputado provincial Antonio Leira, que saudou a incorporación “dun dos concellos onde nace o Camiño Inglés” e explicou os plans conxuntos da Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos para promocionar o Camiño Inglés en territorio británico cun amplo calendario de actividades.

O Camiño Inglés xa supera ao Primitivo

Leira lembrou que o Camiño que o Camiño Inglés vén de converterse no cuarto itinerario xacobeo con maior número de peregrinos, superando ao Camiño Primitivo, segundo os últimos datos da Oficina de Acollida ao Peregrino, que cifran o trafico en máis de 15.780 peregrinos, un 11,5% máis que o ano pasado.

O deputado destacou “o espectacular crecemento” e “o enorme potencial” desta ruta, que discorre integramente pola provincia da Coruña atravesando os concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago e considerou de gran importancia potenciar o seu coñecemento e valoración entre a cidadanía británica.