
Imaxe; web da Deputación
Europe Direct A Coruña organiza a segunda edición do Curso de formación para a preparación de oposicións e procesos de selección da Unión Europea, que nesta ocasión será impartido en modalidade telemática.
A formación está aberta a persoas tituladas universitarias ou en último ano de carreira, así como a persoas tituladas en formación profesional superior, con interese en coñecer as oportunidades de traballo nos organismos e institucións europeas e adestrarse para os procesos de selección que se convocan regularmente.
O curso, de carácter gratuíto, terá unha carga lectiva de 45 horas, das cales 30 serán de formación en liña grupal en directo e 15 de formación en liña autónoma. As horas de formación en liña grupal distribuiranse en oito sesións formativas que terán lugar entre o 18 de xuño e o 10 de xullo.
Ofértanse un total de 25 prazas, con carácter gratuíto, que serán asignadas conforme aos criterios establecidos na convocatoria. A inscrición está aberta ata o 11 de xuño e realizarase cubrindo o formulario dispoñible en https://www.dacoruna.gal/europedirect
Para participar no curso requírese posuír nacionalidade española ou doutro Estado Membro da Unión Europea e dispor dun título de formación profesional superior, dun título universitario, ou ben estar a cursar o último curso para a súa obtención.
A selección das candidaturas realizarase por rigorosa orde de inscrición, coa excepción de que se outorgará preferencia ás persoas que non participaron na primeira edición do curso.