Eleccións xerais: estes son os candidatos da nosa comarca

Onte ás 12 da noite deu comezo a campaña electoral das eleccións xerais do 28 de abril. A pesar de que tanto o PSOE que só colgou carteis coa cara do seu candidato por Madrid, Pedro Sánchez, como o PP que colgou maioritariamente os do tamén candidato por Madrid, Pablo Casado, aínda que tamén algún da cabeza de lista pola provincia da Coruña, nestas eleccións o que votamos son as persoas que representarán a provincia da Coruña no Congreso e no Senado.

E de Betanzos preséntanse 3 candidatos a estas eleccións. O PSOE presenta como candidato ao Senado a Antonio Vazquez Lorenzo, actual concelleiro de Urbanismo e Casco Histórico, Infraestructuras e Medio Ambiente, Transportes e Contratación do goberno municipal socialista. Vazquez Lorenzo concelleiro desde hai décadas é presentado como a renovación do grupo socialista no Senado, no que só repite Pilar Cancela.

O PP presenta como candidato ao Congreso a Jose Angel Rodríguez Prieto, actual portavoz municipal e candidato á alcaldía nas municipais de 2015 que cede agora este posto a Cecilia Vázquez. Na candidatura conservadora ao congreso aparece tamén a portavoz do Partido Popular de Bergondo, Silvia Vazquez Cardelle que como Rodríguez Prieto cedeu para as vindeiras municipais o seu posto de cabeza de cartel ao que fora líder de veciños de Bergondo Manuel Fafian.

Por último tamén o BNG leva unha veciña de Betanzos na súa candidatura ao Congreso. A actual responsábel comarcal da formación e candidata á alcaldía de Abegondo, Cristina López.

Rectificación: Podemos tamén leva unha candidata de Betanzos

A sexta praza da candidatura de Unidas Podemos pola Coruña tamén está ocupada por unha candidata da comarca, a betanceira Noelia Pedreira.